Eixo Estratéxico de Actuación 2

Conseguir a igualdade efectiva entre mulleres e homes no acceso, permanencia e promoción na carreira científica, investigadora e/ou docente. Os obxectivos específicos das actuacións son os seguintes:

 

1. Favorecer un cambio na actividade académica, científica, tecnolóxica e de innovación que inclúa as perspectivas, experiencias e necesidades das mulleres.

1.1. Formar en xénero as persoas con responsabilidade na xestión, selección e avaliación do sistema de ciencia e tecnoloxía de Galicia (público e privado).

1.2. Realizar accións de sensibilización desde as oficinas de igualdade do Sistema Universitario de Galicia sobre a necesidade da construción e transmisión do coñecemento con perspectiva de xénero, rachando cos modelos androcéntricos de ensino-aprendizaxe

1.3. Promover a creación dun programa interdisciplinario de formación do profesorado universitario para a eliminación de trazos androcéntricos nos contidos e métodos de docencia.

1.4. Instar os organismos e institucións que integran o sistema científico-tecnolóxico público de Galicia para que procuren a paridade nas conferencias e invitacións nos actos institucionais.

1.5. Financiar estudos sobre as temáticas obxecto de investigación deste programa a través das convocatorias do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica e nas convocatorias específicas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

1.6. Deseño e posta en marcha dun programa de mentoring para favorecer o acceso, permanencia e/ou mellora do posto de traballo.

1.7. Reforzar o labor que está realizando o Goberno galego para promover a igualdade de xénero nas empresas e incidir no compromiso do persoal directivo das empresas con actividade en I+D e integrándoa como unha estratexia empresarial en materia de responsabilidade social empresarial.

1.8. Deseño e posta en marcha do Programa muller, ciencia e desenvolvemento.

 

2. Promover políticas no sistema sociedade-ciencia-tecnoloxía-empresa (público e privado) cara ao acceso e permanencia en condicións de igualdade de mulleres e de homes.

2.1. Promover, nos casos en que non existan, a inclusión de artigos específicos sobre a igualdade entre mulleres e homes nos estatutos dos organismos públicos que constitúen o Sistema de investigación, ciencia, innovación e tecnoloxía en Galicia.

2.2. Revisar os procedementos de contratación e de promoción no sistema universitario e no sistema científico e tecnolóxico en xeral, para identificar posibles requisitos, cláusulas e/ou situacións de discriminación directa ou indirecta, co fin de elaborar propostas de modificación das cláusulas ou situacións detectadas como discriminatorias ou desigualitarias.

2.3. Incluír nos programas de axudas ás empresas con actividade de I+D incentivos para a contratación de mulleres científicas e tecnólogas.

2.4. Establecer criterios específicos nas convocatorias e/ou convenios correspondentes para que as mulleres estean representadas nos comités de organización e/ou coordinación de congresos, cursos, ciclos de conferencias e de cantas actividades financien, parcial ou totalmente, as administracións.

2.5. Realizar auditorías (externas) de xénero para determinar as barreiras e obstáculos que dificultan a inserción e promoción das mulleres nos centros de traballo, ao tempo que se asegura o cumprimento da normativa e das recomendacións en materia de xénero, ciencia e tecnoloxía.

2.6. Promover a inclusión de cláusulas relativas ao cumprimento efectivo do principio de igualdade nos convenios e contratos que as universidades e organismos públicos do ámbito científico, tecnolóxico e de igualdade dependentes da Xunta de Galicia asinen con empresas.

2.7. Posta en marcha de convenios Administración-Empresa para a contratación laboral de mulleres en sectores do tecido produtivo, especialmente nos que se atopan infrarrepresentadas.

2.8. Promover no tecido produtivo con departamento de I+D a adopción de boas prácticas de igualdade de xénero (prácticas de selección e contratación transparentes e equitativas, anuncio público de vacantes, definición dos postos e do perfil profesional requirido, auditorías salariais en relación co xénero...).

2.9. Financiar bolsas de formación para mulleres na área de ciencia e tecnoloxía.

 

3. Deseñar métodos de avaliación da calidade científica e académica libre de trazos de xénero.

3.1. Elaborar e difundir un manual sobre como os prexuízos e estereotipos poden interferir nun procedemento de avaliación/selección, no que se inclúan boas prácticas.

3.2. Garantir a transparencia na constitución de comisións e grupos de avaliación/selección, así como nas propias convocatorias baseándose, polo menos, nas seguintes premisas (como garantía de equidade nos procesos de selección e adxudicación de recursos):

  • Dar a coñecer os criterios de selección das persoas avaliadoras.
  • Facer pública a composición dos comités/grupos de avaliación.
  • Garantir a composición paritaria das comisións e grupos (tanto entre titulares como entre suplentes) e xustificar razoadamente os casos nos que non sexa posible.
  • Facer públicos os criterios, os indicadores e os seus pesos relativos antes de cada convocatoria.

3.3. Incluír a perspectiva de xénero entre os indicadores de calidade na produción de coñecemento/indicadores de resultados de I+D+I.

3.4. Reforzar a perspectiva de xénero no proceso avaliador de proxectos de investigación/innovación/tecnoloxía, partindo de mínimos como:

  • A inclusión da presenza de mulleres como criterio de valoración en todas as convocatorias públicas de financiamento e axudas dirixidas a grupos de investigación/empresas con actividade de I+D.
  • A inclusión de mulleres como investigadoras principais e/ou en tarefas de coordinación como criterio de valoración en todas as convocatorias públicas de financiamento e axudas dirixidas a grupos de investigación/empresas con actividade de I+D.

3.5. Promover que non se teñan en conta os períodos de tempo relativos a permisos para o coidado de persoas dependentes e/ou de menores e licenzas de maternidade/paternidade nos procesos de selección/avaliación da traxectoria académico-profesional nos que se contemplen como indicadores de avaliación intervalos temporais.

 

4. Garantir a participación activa das mulleres nos diferentes órganos e niveis de toma de decisión nos ámbitos académico, científico e tecnolóxico cara á súa representación equitativa.

4.1. Realizar actividades de empoderamento e de liderado feminino para promover que as mulleres se presenten como candidatas a postos directivos das institucións científico-tecnolóxicas, públicas e privadas.

4.2. Difundir exemplos de mulleres que ocupan cargos de responsabilidade no ámbito da ciencia-tecnoloxía-empresa (como parte dun programa de mentoras).

4.3. Realizar campañas de sensibilización sobre a importancia da promoción académica para favorecer que as mulleres se presenten ás cátedras e aos postos directivos do SUG.

4.4. Promover a representación equitativa de mulleres e homes nos órganos de decisión das institucións/empresas científicas, tecnolóxicas e académicas nas que participa a Xunta de Galicia.

4.5. Considerar positivamente as empresas e organizacións que presenten (ou máis se acerquen) á paridade nos postos directivos, para a sinatura de convenios co sistema científico-tecnolóxico, así como nas convocatorias de axudas á investigación.

 

5. Promover unha organización do traballo que permita compatibilizar o exercicio da profesión académicocientífica-tecnolóxica (en ámbitos privados e públicos) coas responsabilidades persoais.

5.1. Reforzar o labor que está a realizar o goberno galego sobre medidas de conciliación no sector privado e incidir no tecido empresarial de I+D.

5.2. Revisar as medidas de conciliación existentes no sistema universitario de Galicia cara á súa mellora desde a perspectiva de igualdade de xénero.

5.3. Procurar un financiamento adicional e/ou extensión do financiamento equivalente ao período de licenza por maternidade/paternidade, así como de coidado de persoas dependentes (establecendo períodos temporais máximos de extensión), no caso de contratos/axudas/bolsas de investigación financiados polo Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica e convocatorias específicas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Establecendo os limites máximos

5.4. Considerar, nas convocatorias públicas de axudas á investigación e á innovación, unha epígrafe específica relativa ás medidas e/ou recursos de conciliación que cada organismo que convoca lles facilitará ás persoas/equipos solicitantes, nos casos en que non se contemple nos respectivos centros de traballo.

5.5. Elaboración dun banco de ideas/boas prácticas dirixidas á conciliación da vida profesional e persoal no sistema ciencia-tecnoloxía-empresa.

5.6. Apoiar a aprendizaxe continua nas empresas e organismos públicos para persoal en excedencia por motivos familiares e facilitar o acceso a cursos de formación e simposios, a subscrición a revistas e publicacións especializadas etc.

 

6. Promover o emprendemento feminino no ámbito da investigación, da ciencia e da tecnoloxía.

6.1. Estudar e elaborar un informe da situación actual do emprendemento feminino innovador en Galicia: detección de necesidades, perfís profesionais específicos, propostas de solución e/ou mellora.

6.2. Divulgar a tarefa investigadora e científica como un ámbito máis para a creación de empresas e evitar a influencia dos estereotipos de xénero.

6.3. Creación dun centro de iniciativas empresariais innovadoras/intensivas en coñecemento promovidas por mulleres.

6.4. Incluír nos programas de emprendemento feminino e/ou reforzar (se é o caso) unha liña de subvención dirixida á constitución de empresas de base tecnolóxica e/ou empresas con departamento de I+D.

6.5. Realizar seminarios/obradoiros de información, difusión da cultura emprendedora e maduración de ideas empresariais, así como encontros con empresarias que teñan levado a cabo iniciativas empresariais innovadoras.

6.6. Poñer en marcha proxectos para a detección/avaliación/lanzamento/consolidación de desenvolvementos innovadores das emprendedoras galegas e apoiar a súa implantación.

6.7. Deseño e posta en marcha dun programa de mentoring implicando ás empresas galegas pioneiras en innovación e dirixidas por mulleres, así como empresarias doutros países.