Premiada 2007: Inmaculada Paz Andrade

Premiada 2007: Inmaculada Paz Andrade

A Unidade de Muller e Ciencia acordou no seu plenario do 27 de novembro conceder o Premio María Wonenburger a Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

Inmaculada Paz Andrade foi, no campo da docencia, a primeira muller nomeada Profesora Adxunta (hoxe Profesora Titular) Interina da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago (USC) , a primeira muller Profesora Adxunta por oposición, a primeira muller Encargada de Cátedra da Facultade de Ciencias, a primeira muller Profesor Agregada da Facultade de Química e a primeira muller Catedrática da Facultade de Física. Dirixiu máis de 30 teses de doutoramento.

No ámbito da investigación, iniciou unha carreira científica vocacional cunha traxectoria fulgurante que pronto é recoñecida tanto a nivel estatal como no eido internacional, converténdose en referencia mundial como especialista en Microcalorimetría, Termoxénese e Análise Térmico Diferencial. Creou o Grupo de Microcalorimetría da USC e os seus laboratorios. Introduciu a Microcalorimetría en España e creou escola investigadora en Microcalorimetría non só nas tres universidades galegas, senón tamén noutras do Estado e en centros do CSIC.

No ámbito profesional internacional, está considerada como unha das mellores investigadoras no campo da Termodinámica e a Microcalorimetría. Ten realizado máis de 225 publicacións científicas e colabora cos mellores especialistas a nivel mundial nos campos da súa especialidade.

Creou e dirixe o Grupo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (Grupo THOR) , un sistema experto para predicir o risco de incendios forestais en Galiza que constitúe un Fito na súa carreira investigadora e no que se inclúen investigadores das tres universidades galegas e o CSIC.

É, dende 1999, Profesora Emérita da USC. Recibiu a Medalla de Ouro de Física da Real Sociedade Española de Física (1992) , o Premio Galicia de Investigación Científico-Técnica Antonio Casares y Rodrigo; da Xunta de Galicia e a Insignia de Ouro da Universidade Compostela.